AstroGalicia 2025
Comezamos o ano facendo un pequeno resumo do que foi “AstroGalicia 2025, a Festa Galega das Estrelas” evento ao que asistimos varias socias e socios de VEGA.
Para este breve texto, puxemos en común as nosas visións das charlas, seminarios e obradoiros aos que asistimos e así, vos poidades facer unha idea doa contecido alí, e vos animedes a asistir para a proxima edición!!
Varias e varios de nós repetimos a asistencia dende fai anos a esta “Festas Galega das Estrelas”, esta é a duodécima edición, e xa pasamos por Forcarei, Maceda, Boimorto, San Xoán de Río e Castrelo do Miño, e actualmente a segunda vez que se leva a cabo en Arzúa.
Este ano tivemos xente que foi por primeira vez, e quedou fascinada e abrumada polo esforzo e traballo da organización e pola xenerosidade das e dos profesioanis asistentes, porque AstroGalicia ofrece disfrutar da divulgación científica astronómica, e de todo o relacionado coa mesma cunha variedade de obradoiros, charlas e actividades. É non só serve como espazo de encontro das asociacións astronómicas galegas senón tamén para que xente interesada ou curiosa sobre as temáticas que se poden abordar neste evento disfrute das mesmas.
Como xa mencionamos, este ano celebrouse en Arzúa, neste caso os días 20 e 21. Houbo moitas e moi variadas actividades levadas a cabo por persoas profesionais e especialistas relacinadas co mundo da astronomía e que non deixaron indiferente a ninguén abordando temas de actualidade de forma detallada e amena.
- Ana Ulla, catedrática de astrofísica da Universidade de Vigo, e xa unha das peroas que máis coñecemos na AstroGalicia, foi a primeira charla do sábado, “Misión Gaia e a súa riqueza en logros galácticos“ falou de moitos datos interesantes e da importancia e logros da Misión Gaia, foi unha charla moi didáctica para algunhas das nosas socias. Sucedendo a misións anteriores como Hipparcos, a misión Gaia, oficialmente concluída, supuxo un avance no coñecemento da nosa galaxia, permitindo completar un mapa tridimensional a alta definición, e xerando traballo para moitos anos de investigación.
- Ricardo Rizzo, Doutor en Física Astrofísica na arxentina Universidade Nacional da Prata, coa súa charla sobre “Estrelas masivas, titáns, químicas e escultoras dá Galaxia”, contou como as grandes enerxías xeradas no interior das estrelas producen os elementos químicos e moléculas, incluídas as englobadas na química orgánica, elementos fundamentais da vida, que se estenden por todo o universo tras as explosións de supernovas. O exemplo utilizado para explicar como sae o calor das estrelas, foi un dos temas que debatiron no xantar conxunto, algúns dos nosos compañeiros e compañeiras, con interpretacións distintas do mesmo.
- A charla de Francisco Javier Castander, “Procurando a materia escura co telescopio espacial Euclid”, profesor de investigación en el Instituto de Ciencias del Espacio (ICE-CSIC) y en el Institut d’Estudis Espacials de Catalunya (IEEC) e nomeado como vocal científico en cosmoloxía na Comisión Nacional de Astronomía, foi unha das persoas en presenciar o lanzamento do telescopio espacial Euclid dende Cabo Cañaveral en Florida, amosounos os descubrimentos do Euclid. Este telescopio espacial da Axencia Espacial Europea (ESA) busca desentrañar os misterios da materia escura e a enerxía escura, os compoñentes invisibles que dominan o universo, mapeando a súa estrutura a gran escala cunha precisión sen precedentes para entender a evolución cósmica e a expansión acelerada do universo. O seu principal método é observar a lente gravitacional, un efecto onde a materia escura curva a luz de galaxias distantes, revelando a súa distribución e a «tea de araña cósmica» invisible que as conecta, creando o mapa 3D máis grande e detallado do cosmos xamais feito.
- Xa o domingo, Juan ángel Vaquerizo, astrofísico e divulgador, cunha ampla formación na coordinación de proxectos educativos e didácticos relacionados coa astrobioloxía e as ciencias planetarias, e Ricardo Rizzo, realizaron unha charla conxunta sobre o Programa CESAR da ESA, tratou sobre docencia en Astronomía e dispoñibilidade de observatorios para fomentar e nutrir o interese e a afección dos mozos pola disciplina, o Programa CESAR (Connecting Europe with Space Science and Research) é unha iniciativa da Axencia Espacial Europea (ESA) para conectar a estudantes e público coa ciencia espacial mediante telescopios reais (como o ISS), proxectos educativos e experiencias de observación, ofrecendo acceso virtual a datos e telescopios, aínda que CESAR enfócase máis na educación e o uso real de observatorios. Este proxecto é un exemplo da necesidade de dar a coñecer a ciencia entre a infancia e despertar vocacións para as persoas que serán o noso futuro. A importancia de divulgar entre as pequenas e os pequenos, ofertar posibilidades de coñecemento da Astronomía en particular e de temas científicos en xeral, é un aspecto esencial e fundamental na nosa sociedade.
- Salva Bará, Doutor en Ciencias Físicas, exprofesor da Universidade de Santiago de Compostela e investigador, é outra das persoas destacadas das anteriores AstroGalicia. Pechou as charlas cunha visión crítica sobre a necesidade e os motivos reais da rede de satélites Starlink e outras redes semellantes en proxecto, tema interesante, controvertido e de moita actualidade. Na súa charla “Megaconstelacións, para qué?” falou moi claramente sobre os problemas que xeran as megaconstelacións de satélites en crecemento exponencial, e mesmo dos espellos espaciais actualmente en estudo. A utilidade das constelacións de satélites é preferentemente militar e de control de redes de comunicación, que en moitos casos son innecesarias desde ou punto de vista civil, sendo ademais prexudiciais para a observación astronómica.

En relación aos seminarios e obradoiros a elexir, as peroas inscritas puidemos, en función das nosas necesidades e intereses, anotarnos nas diferentes propostas:
- Martín Pawley, compañeiro da Agrupación Astronómica Coruñesa IO, levou a cabo o obradoiro de Iniciación á Astronomía, para aquelas persoas que quixeron empezar a coñecer a Astronomía dende cero.
- No obradoiro Escola de Astronomía, Marcos A. Merinero (experto profesor de profesores e divulgador científico, participante en diferentes programas educativos da NASA e da ESA) e J. A. Vaquerizo tocaron o tema “estrela” do 2026, a eclipse total de sol, derennos moia información sobre as medidas de seguridade para a observación da eclipse e fixemos a nosa propia caixa escura para poder observalo. Tamén dentro deste obradoiro fixemos unha parte práctica de busca de micrometeoritos e utilizamos o programa Copernicus Browser para coñecer datos en profundidade da superficie do noso propio planeta.
- Algunhas nas nosas socias e socios puideron coñecer máis sobre Astrofotografía, tanto a nivel iniciación como a nivel avanzado, con Francisco Javier Rodriguez Orge, Alejandro Rodriguez, Manuel Brioso e Leticia Pereira da Asociación Galega de Astrofotografía, AGA Polaris, onde dunha maneira práctica explicouse a dotación, tanto en hardware como en software, necesaria para iniciar unha actividade de Astrofotografía produtiva, evitando erros que eles mesmos cometeron ao longo da súa aprendizaxe.
- Tamén houbo Radioastronomía con Javi Moldes (destacado neste campo e xa un clásico), onde se expuseron diferentes conceptos como frecuencia e longura de onda e outros contidos dirixidos a unha primeira toma de contacto coa unión de radio e astronomía, e a detección de meteoros.
- Houbo a posibilidade de aprender a traballar con datos concretos de programas específicos, o seminario de Castander e Rizzo, moi técnico e con moito detalle para traballar cos datos do Euclid e unha introducción a Python e Observatorio virtual, o levado a cabo por Xaviero Pérez Couto e Sergio Pereira Lema para traballar cos datos de Gaia.

En AstroGalicia podemos atopar de todo e para todas e todos, durante as dúas xornadas dispuxemos tamén dun pequeno espazo cunha seleción de material divulgativo e didáctico sobre sobre variadas temáticas relacionadas coa Astronomía.
Como remate dicir que as persoas que puidemos asistir xa temos a necesidade de coñecer cal vai ser o programa de AstroGalicia 2026!! Moitas grazas Dosi Veiga, o xefe de todo, e grazas as persoas que fixeron posible un ano máis esta xuntanza!!
Deixamos o enlace á paxina de referencia onde aparecerán as novas que poidamos atopar con respeto á “Festa Galega das Estrelas” por excelencia e outros datos interesantes!!