28 de abril de 2026, unha data para a comprobación da visibilidade da eclipse do 12 de agosto de 2026
Equidistancia temporal sobre o solsticio de verán entre o día da eclipse do 12 de agosto e o 28 de abril
O 12 de agosto de 2026 producirase unha eclipse solar total no que a franxa de totalidade cubrirá o 55% do territorio galego. Debido a que o instante de totalidade acontecerá co sol baixo (entre 10 e 12º sobre o horizonte) e entre 1 e 3º na finalización da parcialidade, non todos os lugares de observación disporán de visión directa do sol. Haberá que ter en conta os posibles obstáculos visuais, xa sexan naturais ou artificiais. Para averiguar se os obstáculos poden ser un problema ou non temos a oportunidade de comprobalo o 28 de abril. Por qué?
Se tomamos dúas datas que estean á mesma distancia temporal dun solsticio, a declinación solar é practicamente a mesma, só que á inversa. Dado que o punto onde se pon o sol depende só desa declinación e da latitude, o resultado é o mesmo lugar no horizonte.
No caso do 12 de agosto a súa data equidistante do solsticio de verán é o 28 de abril (a 53 días), e o sol porase (un exemplo da provincia de Lugo) case no mesmo lugar o 12 de agosto (acimut 291,2º) e o 28 de abril (290,5º), e a unha hora diferente (21:31 o 12 de agosto e 21:23 o 28 de abril). Para comprobar se se pode ver a posta de sol, e polo tanto a eclipse en toda a súa duración ata a finalización da parcialidade ás 21:22, vemos que o 28 de abril é moi válido porque ten uns valores moi similares, onde só hai 0,7º de diferenza en acimut. Podemos velo na seguintes imaxes:


Aínda que non hai case diferenza no acimut de solpor, si existe unha diferenza de 8 minutos na hora. Isto é debido á variación do tempo solar verdadeiro en cada día do ano, variación provocada fundamentalmente pola inclinación da eclíptica sobre o ecuador celeste (23,5º) e pola diferente velocidade orbital da Terra ao longo da súa órbita, como establece a segunda lei de Kepler (os planetas varren áreas iguais en tempos iguais, teñen unha velocidade areolar constante). Estas variacións son corrixidas pola chamada ecuación do tempo para obter un tempo solar medio. Este tamén é o motivo polo que a imaxe do sol á mesma hora desde un mesmo lugar ao longo dun ano debuxa unha lemniscata (como un oito tumbado) chamada analema solar, como podemos observar nesta imaxe obtida por Ángel Arós desde A Coruña en 2020:

Para saber se será visible a eclipse na totalidade:
O 12 de agosto ás 20:29 (eclipse total) o sol está en acimut 280,4º e altitude 10,6º (no exemplo de localización utilizado). O 28 de abril ás 20:29 o sol está en acimut a 281,3º e altitude 9,0º. En acimut ten un valor moi similar pero en altitude hai unha diferenza de 1,6º (tres discos solares). Para corrixir esta diferenza respecto do 12 de agosto debemos restar eses 8 minutos antes indicados para situar o sol no mesmo lugar aproximado polo que para comprobar a visibilidade no momento da totalidade debemos facelo o 28 de abril ás 20:21 en lugar de ás 20:29. Con esta corrección situamos o sol en acimut 280,0º e altitude 10,5º, xa case igual que no momento da eclipse, como se observa na seguinte imaxe:

Para valores aproximados, de non poder observar o sol no lugar desexado o 28 de abril, son válidas tamén as observacións desde uns días antes e ata uns días despois. Por exemplo desde o 25 de abril ata o 1 de maio as diferenzas en acimut no solpor son de só 1,3º cara o O o 25 de abril e cara o N o 1 de maio, e de só 0,5º en altitude ás 20:21 (10,0º o 25 de abril e 11,0º o 1 de maio).
Só queda poñer a proba a nosa ubicación elixida neses días de finais de abril e confiar en que o 12 de agosto teremos uns ceos despexados para poder vivir esta histórica eclipse total de sol.
REFERENCIAS:
Horizontes con perfil orográfico:
Analema solar: Fotografía de Ángel Arós, en Flickr:
Explicación do analema solar de Ángel Arós en Ceos galegos, por Dosi Veiga: